Son Trío

Proxecto “Miña almiña”
Son Trío é un grupo feminino de Vigo que une a tres mulleres novas con moi ampla experiencia artística por separado. Formado en 2017 por Katerina Linke (piano, composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello) acaba de estrear cunha fantástica acollida o proxecto ‘Miña almiña’ baseado na letra de Rosalía de castro e música orixinal propia.

O proxecto nace tras gañar o concurso ‘Musicando a Rosalía’ organizado polo Concello de Vigo coa canción ‘Algúns din’. A compositora e pianista rusa Katerina Linke crea un ciclo de dez cancións con instrumentación clasica, pero un achegamento actual e fresco á poesía do século XIX.

As cancións son íntimas, expresivas, románticas, con ricas harmonías e un toque de jazz. A doce e expresiva voz de Su Garrido, moi atenta á palabra, fai soar os poemas como se fosen escritos hoxe. ‘Miña almiña’ é unha proposta musical diferente, destaca pola orixinalidade, instrumentación, alto nível interpretativo e a súa sensibilidade, ademais de ofrecer un proxecto nunha lingua tan musical como a galega.

O obxectivo de Son Trío é o de reivindicar o papel da muller-músico e levar as súas cancións por Galiza, España e fóra do país.